1.16.2005

Plágio

Plagiamos cá (se se nos permite a expressom), umha parte do intercámbio de pareceres que há na máquina de fazer amigos do Jaureguizar, sobre bet-sellers, éxitos de vendas e demais na literatura galega.

De todas formas, recomendamos vivamente aceder ao bló original, porque as cópias sempre dam problemas.


CARA VIGO SQUARE
Eu nunca che fun moi mitómano, pero un non se atopa a cotío con Camilo Gonsar na estación de autobuses de Lugo DF. O caso é que o vin cunha gabardina azul camisoladocelta e o seu pelo branco e as súa gafas de pasta de farmacéutico. E presenteime (...).Medra o meu convencemento de que a literatura é un espectáculo non apto para tímidos, para os que rexeitan aparecer na prensa. Do contrario, Camilo Gonsar sería Manuel Rivas e Xosé Cid Cabido ocuparía o lugar de Suso de Toro.


Ehus Mahot said...
A literatura nom é que seja um espectáculo nom apto para tímidos. O que é é um negócio, umha indústria, um mercado. E nos negócios, já se sabe que a publicidade é muito importante, porque funciona bastante bem essa regra geral que di: o que nom se conhece nom se vende (...) Tú vas mercar o último disco que sai ao mercado baixo o rótulo de "superventas"? Nom, porque já sabes que é o que vai haver aí, marketing, laboratório e poucas neuronas. Pois entom, porque temos que andar alabando o último intento de best-seller da literatura galega? Um superventas, por regra geral, será um negócio, nom umha obra de arte.

Goretti Fiaño said...
Pois iso de que existan listas de ventas en galego é un bo sintoma. Debe de ser só neste país onde se asocia libros e cultura (...) Os que din que os escritores de libros de consumo son innecesarios teñen poucas miras. Celebro escritores como Camilo Gonsar, De Toro, Rivas, Anibal C. Malvar, Xosé Miranda...capaces de nos facer soñar. A vida é o que importa, a final de contas. A cultura ben pouca cousa é, e quen fai alarde de ela, pobre de espíritu.

Jaureguizar said...
Concordo no esencial cos dous. Ehus Mahot leva a razón toda no de Suso de Toro, pero houbo un Suso de Toro anterior a este que tanto me lembra a un aceptable Stephen King (Trece badaladas), houbo un Suso de Toro que arriscou e que nos deu un cumio literario como Tic Tac (...) Canto ao que di Goretti, eu tamén gustaría de ter bestseleiros, pero o noso campo lector é particular e non dá para iso. En galego le unha minoría culta, porque os lectores ocasionais non che collen un libro no noso idioma, e esa minoría rexeita vazquezfigueroas. Os nosos bestseleriños (dez mil ou quince mil exemplares) son produto das recomendacións en institutos, non de masas entusiastas asaltando El Corte Inglés.

Ehus Mahot said...
A ver: a nós também nos pareceria estupendo que a literatura galega tivera verdadeiros bet-sellers (ou como se diga), escritores/as capazes de vender miles e miles de exemplares da sua última obra, etc... etc... Mas isso nom existe. E nom por um problema exclusivo da literatura galega: é um problema na naçom galega (ou se se quer, para nom entrar em debates "nacionalistas", da sociedade galega). (...)

Goretti Fiaño said...
Si, tamén é verdade.

Jaureguizar said...
Non me expliquei de todo ben. Cando falo de best-sellers refírome a un xeito popular e facer libros: libros sinxelos e de mera evasión, códigosdavincis que se vendan a esgalla e que nos permitan dunha banda gañar lectores, aínda que sexan lectores de baixa cualificación, e por outra que permitan á editoriais gañara pasta para editar literatura de calidade. Un exemplo interesante é a editorial Xixirín, que vén de quitar 'A boa sorte' no noso idioma. Boteille unha ollada, é ben elemental, expresa o que di un refrán vasco: A sorte require que a busquen, pero vendeu millóns de exemplares en todo o planeta. O que dicía eu é que desconfío de que haxa un público popular para esa liña de textos.

Até cá a escolha, feita à treu, e sem más intençons. Só para chamar a atençom sobre o que alí se di.


Outro dia falaremos do tema da normativa.